Monday 29 de April de 2024

A Xunta aboará máis de 810.000 euros aos colexios de avogados e polos servizos de orientación xurídica gratuíta


O DOG publicará mañá a orde pola que se transfire o 8% do total devindicado para ao seu reparto entre os respectivos colexios profesionais galegos

O Goberno galego asinou en 2017 un acordo co Consello da Avogacía de Galicia que situou a Galicia á cabeza de España en canto ás remuneracións dos letrados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta

O Diario Oficial de Galicia recollerá mañá mércores a orde de infraestrutura colexial que establece as cantidades que se aboan aos colexios de avogados de Galicia de acordo co establecido na Lei 1/1996 do 10 de xaneiro, que regula o dereito á asistencia gratuíta.

Nun encontro que mantivo hoxe o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, co presidente do Consello da Avogacía Galega, Ramón Jáudenes, Martín anuncioulle que esa orde establece que os colexios de avogados percibirán a contía que resulte de aplicar o 8% ao custe económico xerado en cada liquidación anual polas actuacións profesionais de asistencia xurídica gratuíta.

Atendendo a este texto legal, vaise transferir ao Consello da Avogacía de Galicia a cantidade de 810.288 euros, correspondente ao 8% do total devindicado polas actuacións profesionais de asistencia xurídica gratuíta durante o ano 2019.

O Goberno galego asinou en 2017 un acordo co Consello da Avogacía de Galicia para fixar a quenda de oficio cunha vixencia de catro anos. Este acordo permitiu incrementar as compensacións económicas, situando a Galicia á cabeza de España en canto ás remuneracións dos letrados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta. A Administración autonómica vén introducindo nos últimos anos melloras na xestión deste servizo, que considera fundamental para garantir a igualdade de condicións de todos os cidadáns no acceso á Xustiza.

Por outra banda, Juan José Martín avanzoulle ao presidente do Consello da Avogacía Galega que en breve se firmarán dous convenios con esta entidade relacionados coa formación dos avogados en violencia de xénero e na asistencia ás vítimas de violencia sexual, enmarcados no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e co obxectivo de reforzar a formación dos avogados que asisten ás vítimas.

Como novidade, o acordo recolle a asistencia xurídica de xeito gratuíto a vítimas de delitos graves de violencia sexual, gratuidade que a lei estatal vixente non recolle de non constar unha relación de parella ou exparella co presunto agresor. A Xunta destinará 340.000 euros a estas actuacións formativas en colaboración cos colexios de avogados a través do Consello da Avogacía Galega.